Ao longo do curso 2017-2018 o alumnado de TIC de 4º da ESO fixo moito traballo práctico. O último foi facer un póster sobre seguridade informática. Déixovos unha mostra dos mellores:
Charlas temáticas. Programa “A ponte entre o ensino medio e a USC” Relator: Alberto Bugarín Diz, Catedrático e Investigador do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información) da USC Título: “Intelixencia artificial e xeración automática de linguaxe natural: unha palabra vale mais ca un millón de datos” Data: 17 de abril de 2018 Hora: 13:25 a 15:05 Lugar: Biblioteca do IES de Meira Alumnado participante: os matriculados nas materias de TIC de 4º da ESO e 1º e 2º de BAC Resumo: O catedrático e investigador da USC, Alberto Bugarín, introduciunos dun xeito ameno e rigoroso no mundo do Big Data (termo que fai referencia a unha cantidade de datos tal que supera a capacidade do software convencional para ser capturados, administrados e procesados nun tempo razoábel) e de como a linguaxe natural e a intelixencia artificial fan entendíbel para o ser humano o resultado do procesamento dun número inconmensurábel de datos.
O luns, 11 de xuño de 2018, o xefe do departamento de Tecnoloxía desprazouse ao CEIP Poeta Avelino Díaz de Meira co fin de realizar un obradoiro de robótica co alumnado de 6º de Educación Infantil. Coa axuda de Adrián e de Paula puidemos comprobar as funcionalidades dos robots mBot: manexalo dende o móbil co fin de que se desprace, que interprete unha melodía determinada, que sexa capaz de seguir unha liña negra no chan... O alumnado estivo especialmente atento e participativo demostrando que a robótica forma parte das súas vidas dende idades ben temperás (nas súas casas ou na aula, onde tamén dispoñen dun robot para programar). Hai que agradecer o inmenso traballo, implicación e ilusión da súa profesora Ana e do alumnado que uns días despois agasallaron ao xefe do departamento cun álbum con fotos do obradoiro e un debuxo de cada alumno/a relacionado co mundo da robótica.
Comentarios
Publicar un comentario