XI OLIMPÍADA TECNOLÓXICA
O día 29 de maio
celebrouse no Campus Terra da USC a XI Olimpíada Tecnolóxica, organizada pola
A.E. Tecnogalicia, e que nesta edición levou por título: Imaxina, investiga,
descubre, ENXEÑA. Na olimpíada competiron 6 grupos de 2º da ESO, 6 de 3º da ESO
e 4 de 4º da ESO (rebaixouse de 6 a 4 porque dous centros participantes, o IES
Pedregal de Irimia e o IES Gregorio Fernández, foron elixidos para facer a
“reválida” de 4º da ESO e polo tanto non puideron participar). En cada grupo participaron
entre cinco e sete alumnos/as de todos os centros participantes (IES Pedregal
de Irimia de Meira, IES Leiras Pulpeiro de Lugo, IES Gregorio Fernández de
Sarria, CPI de Castroverde, CPI de Cervantes, CPI Poeta Uxío Novoneira do
Courel e CPI San Tomé do Carballo de Taboada) tratando de que os grupos foran
equilibrados en xénero e capacidades. De IES Pedregal de Irimia participaron 6
alumnos/as de 2º e 10 de 3º da ESO.
Entre os obxectivos
do evento están profundar no currículo da área de tecnoloxía dun xeito lúdico e
práctico, abrir outro ámbito de socialización ao alumnado participante distinto
do da súa contorna xeográfica (urbano-rural, montaña-chaira…), facer fincapé
sobre a importancia do traballo en equipo, interactuar co patrimonio material e
natural da localización da olimpíada e demostrarlle ao mundo que en galego
tamén se poden traballar os aspectos científicos e técnicos do currículo.
Na olimpíada traballáronse os contidos dos
currículos LOMCE dos cursos correspondentes (robótica, hardware, software,
electrónica, pneumática, mecanismos…), tanto na fase virtual, que constou de catro
semanas e dúas probas, como na presencial, na que realizaron 6 probas (na
Biblioteca Intercentros e en distintos emprazamentos da Escola Politécnica
Superior de Enxeñaría). A maiores o alumnado realizou despois de xantar tres
obradoiros na EPSE (no taller de mecanización, en PEMADE e no taller de
hidráulica -canle simuladora de ondas-) e unha ruta de sendeirismo pola ribeira
do río Miño que rematou na ponte romana.
O alumnado participante recibiu unha camiseta
de agasallo (serviu de identificación xa que cada curso tiña unha cor
diferente), un diploma, así como gozou dun aperitivo a media mañá e dun xantar
totalmente gratuítos. Os gañadores recibiron tamén un agasallo (memoria USB, un
diploma e un lapis).
Os grupos gañadores foron:
·
2º
da ESO: Engrenaxe (de Meira: Lucía Cortón).
·
3º
da ESO: Freeware (de Meira: Jesús Fernández e Lucía Portela).
·
4º
da ESO: Transistor.
ENLACES DE INTERESE:
Comentarios
Publicar un comentario