NOVOS LIBROS CIENTÍFICOS-TECNOLÓXICOS NA BIBLIOTECA


A BIBLIOTECA DO IES PEDREGAL DE IRIMIA FOMENTA AS VOCACIÓNS CIENTÍFICAS E TECNOLÓXICAS CON NOVAS ADQUISICIÓNS PARA OS FONDOS BIBLIOGRÁFICOS


O departamento de Tecnoloxía elixiu sete libros de divulgación científico-tecnolóxica co fin de complementar o ensino regrado dun xeito ameno e entretido:

•       ElectriCiudad. Energía limpia para un futuro sostenible.

Un interesante percorrido por ElectriCiudad da man dos máis grandes científicos de todos os tempos que nos contarán que é, de onde ven e como se transforma a enerxía. A enerxía é necesaria para que o noso mundo siga funcionando. Pero con moitos dos procesos que utilizamos para obtela corremos o risco de converter o noso planeta nun lugar inhóspito para todos os que vivimos nel. Quizabes deberiamos inspirarnos nos habitantes de ElectriCiudad: unha metrópole imaxinaria e ecosostíbel que funciona grazas a fontes renovábeis e limpas, e onde os coches son eléctricos e as casas producen máis enerxía da que consomen, sen contaminar! Coñeceremos a importancia das enerxías eólica e xeotérmica, os beneficios e riscos da enerxía nuclear, así como os problemas relacionados co medio ambiente e coa distribución equitativa do consumo de recursos entre os países.

•       Atlas ilustrado de las máquinas de Leonardo.

Moito se leva indagado nas páxinas dos códices de Leonardo, nos miles de deseños de máquinas que conteñen e que en moitos casos permaneceron incomprensíbeis. Misterios e segredos que neste libro saen á luz, facéndoos emerxer nun contexto totalmente inédito. Por primeira vez o traballo de dous debuxantes, tan apaixonados polo mundo virtual como por Leonardo, fixo posíbel a reconstrución tridimensional, en programas de deseño en 3D, as invencións ás que dedicou Da Vinci o seu esforzo e o seu xenio. Así, a través da reelaboración dixital, emerxen con toda a súa forza e funcionalidade máquinas hidráulicas e teatrais, ou destinadas a voar e á guerra.

•       50 grandes ideas e inventos de Leonardo Da Vinci.

Destacados expertos en Leonardo, de renome mundial, presentan unha guía rápida e eficaz pola amplitude e xenialidade dos seus grandes innovacións. Cada un dos temas resúmese en 30 segundos, 2 páxinas, 300 palabras e unha imaxe.

•       Genios! Los inventos más asombrosos de todos los tiempos.

Sorpréndete cos máis grandes inventos de todos os tempos e cos xenios que os fixeron posíbeis. Leonardo da Vinci desenvolveu deseños para o helicóptero e o paracaídas; Johannes Gutenberg creou os libros impresos; James Watt perfeccionou a máquina de vapor; os irmáns Wright arriscaron as súas vidas para voar no primeiro avión con motor; Stephanie Kwolek inventou o Kevlar, un material máis forte que o aceiro; Thomas Edison transformou as nosas vidas ao levar a electricidade a todos os fogares e moitas outras historias inspiradoras.

•       Eureka! Los descubrimientos científicos más asombrosos de todos los tiempos.

Le o que sucedeu cando se fixeron os descubrimentos científicos máis asombrosos de todos os tempos. Entre eles:

ü Nicolás Copérnico: sitúa o Sol no centro do Sistema Solar.
ü Richard Owen: vai na procura de dinosauros extinguidos.
ü Louis Pasteur: crea unha vacina para combater a rabia.
ü Marie Curie: é a primeira en utilizar a radiactividade.
ü Albert Einstein: resolve o enigma do tempo e o espazo.
ü Georges Lemaître: explica as orixes do Universo.
ü Francis Crick e James Watson: descodifican o segredo da vida: o ADN.

e moitas máis historias de xenialidade...

•       Si venimos del mono, ¿por qué somos tan cerdos?

Se vimos do mono, por que somos tan porcos? É posíbel esbirrar sen pechar os ollos? Poderase conseguir o teletransporte? Que hai de certo no de Moisés e o Mar Vermello? O veleno caducado mata máis ou mata menos? Beber cervexa quita a resaca?

Estas son só algunhas das preguntas “frikis e descacharrantes” que os científicos do grupo Big Van escoitan cada vez que se poñen diante do seu público. Sobre rodas e tamén nestas páxinas, os autores de “Si tú me dices gen lo dejo todo” volven a explicar con humor, non falto de sabedoría, as cuestións máis incríbeis da ciencia, esas que suscitan a curiosidade e o interese da xente, e que mellor reflicten o ambiente das súas actuacións nos lugares máis recónditos da península… e de parte do universo coñecido!

107 (fermoso número primo!) preguntas e respostas que che permitirán saber dunha vez por todas que foi antes: o ovo ou a pita?

•       50 temas fascinantes de la física cuántica. Guía breve.

Nun momento no que a mecánica cuántica da electrónica é indispensábel na vida cotiá e os novos descubrimentos cuánticos ocupan os titulares dos informativos, teredes a ocasión de visitar universos múltiples, viaxar pola teoría de ondas e aprender o suficiente para falar con propiedade sobre o principio de incertidume e os misterios do entrelazamento cuántico.

Todo o que facemos e vemos ten partículas cuánticas como base da acción, aínda que esas partículas sexan moi diferentes de calquera cousa que poidamos experimentar directamente. É o paradoxo e o encanto da mecánica ou teoría cuántica que poderedes descubrir nesta obra.



Comentarios

Publicacións populares deste blog

BENVID@S A TOD@S!

OBRADOIRO DE ROBÓTICA EN INFANTIL

APROVEITAMENTO DOS RECURSOS DO MEDIO NATURAL (ARMN)